Úa vez máis xuntámonos para celebrar el noso encontro de verao. Esta vez foi en Carrizáns, nel concello pontevedrés d’A Lama. Levábamos xa a experiencia dos que se fixeran antes en Ernes, Paraños, Saumede, Xixirín, Xestas e Bergondo. Vimos caras coñecidas, coñecimos caras novas e fixemos nosa úa fermosa carballeira á beira del río Verdugo, que convertemos na nosa cova tribal durante us poucos días.

Houbo actividades, claro. Sempre as hai. Houbo palestras tambén. Presentáronse proxectos postos en marcha por xente da nosa. Pero todas estas cousas, alén da súa utilidade, serven pra ir creando un sentimento de comunidade e con esa intención se faen. A rede continúa tecéndose.

 



Manu levounos buscar plantas silvestres comestibles. Leonor falounos de herbas medicinais. Marie fixo cos pícaros úa serie de composiciois con follas, canas, musgos e liques. A xente da asociación de xogos tradicionais de Pontevedra aprendeunos a xogar á billarda. Axudamos a amañar el local da asociación La Semilla. Fomos moer trigo al muíño de Jurgen. Fixemos biodanza. Aprendemos a regueifar. Bañámonos nel río e estivemos buscando lontras, sen moita sorte. Tambén houbo música, claro.

Kylian falounos del seu proxecto de investigación sobre el movemento agroecolóxico como referente pra construír a educación para úa alimentación sustentable. Carmela explicounos como funciona el Bisonte de Maariz, úa casa aberta nel Camiño Primitivo que se mantén a donativos. A xente da fundación Sen Esquencer falounos del seu traballo en temas relacionados ca exclusión social nun entorno rural. Con Uxío falamos das criminalizaciois e represiois que sufren os movementos sociais. Salva contounos como vai andando el proxecto da escolía de Vilar. Mario falounos das moedas sociais.

A valoración que eu fago deste encontro é moi boa. Os motivos son varios.

Por un lado el ambiente que se creou foi especialmente tranquilo e moi harmonioso. Non houbo apuros destacables nel proceso de preparación, as quendas de traballo foron facéndose, a cociña parecía que marchaba soa, el respecto al lugar foi escrupuloso. Houbo pouca tensión e moita paz, e comida e bebida abondas. Vivimos momentos moi especiais a carón del lume, con contos, canciois e conversas etílicamente interminables. Ata as estrelas brillaban con máis alegría.

Pero por outra banda veu pouca xente, menos da que se esperaba nun lugar tan próximo á área metropolitana das rías del sur. Por un lado foi un alivio, por outro úa decepción. Valeunos pra decatarnos de que algo estabamos facendo mal, que a nosa idea inicial do que debería ser O Rural Quere Xente non se está facendo realidade. A participación noutros encontros foi moito maior do que esperábamos, e iso danos a entender que hai úa necesidade real de que nel agónico mundo da aldea se movan as cousas, pero que se movan con novos criterios. Pero o certo é que non soubemos darlle ese contido á rede, estivemos demasiado centrados en organizar encontros pensados pra atraer xente, cun bonito cartel e un programa sedutor. Entramos nel mercado de tempo libre.

Úa das cousas boas de fracasar é que se che presenta a ocasión de parar a pensar o que fixeches mal. E pra iso xuntámonos un día en Xestas e empezamos a cismar sobre como faelo mellor. Basicamente a pregunta que nos facemos é que cousa debe ser O Rural Quere Xente. Saíron xa bastantes ideas, pero decidiuse faer unha xuntanza desas que están pensadas pra decidir pra onde lle damos volta al timón. Temos un lugar estupendo pra xuntarnos, a casa da xente de Sen Esquencer, e xa que nos abren as portas veremos de serlles útiles tambén a eles botándolles unha man no que necesiten. Será en Portomouro el 16 de setembro e está invitada calquera persoa que queira vir. Traede cousas ricas pra comer e beber, estou de aniversario.

Vémonos alí.