Captura de pantalla de 2015 07 19 135707

OBRADOIRO RESOLUCIÓN DE CONFLICTOS. XULLO 2014

Xa nas primeiras xornadas xurdiu o interés respecto das dificultades que de acotío atopamos naconstrución dos nosos proxectos e nas relacións entre nós. Neste obradoiro non podemos pretender máis que mostrar rápida e superficialmente o que pode ser unha metodoloxía para o adestramento na resolución dos conflitos de maneira creativa. Facer un obradoiro abordando esta tema en tan pouco espazo de tempo é algo pretencioso pola nosa parte, o seu sería adicarlle mínimo una xornada, ó mellor unha fin de semana, para que poida darse máis dinámica e se poida analizar en profundidade, e poñer en práctica varios puntos. Isto non é máis que unha pincelada nesa marea dos conflitos que nos atopamos na nosa vida. A nosa intención é a de que nos animemos a traballar nesta dimensión que tanto nos afecta e que tantos bucles nos xera.

 

Como metodoloxía optamos polo xogo cooperativo pois é a maneira mais divertida de aprender, como os cativos que aprenden a través do xogo desinteresadamente. A fin de contas a vida tamén é un xogo. Xogando desenvolvemos actitudes e aprendemos destrezas que nos poden axudar, (adestrámonos) para o momento de enfrontar o conflito. Podendo entender tamén o conflito (ou unha reunión, un proxecto, unha acción,unha campaña, etc ,..) como un xogo onde as persoas involucradas poden cooperar o competir co resto, tendo efectos distintos cada unha das estratexias. Se competimos gaña unha e perden as demais, se cooperamos gañamos todas.

O eixe no que se desenvolveu este obradoiro foi:

O comezo: Abrir o espazo do obradoiro, as participantes vanse movendo polo espazo libremente, sen interaccionar. Vaise tomando contacto co corpo, co estado no que estamos, andando, sentindo os pés sobre a terra, recoñecendo o espazo onde están, escoitando os sons, facendo un pequeno escáner corporal, e respirando sendo consciente da inspiración e da expiración deixando saír todo o ar e relaxando, ir sacando despois algún son na expiración, estirar o corpo como a cada unha llo pida, o xesto que precise... A continuación vaise interaccionando, vanse cruzando as miradas, e pouco a pouco vaise formando un círculo.

- Xogo “Chámome... y pícame aquí”. Cada persoa dí seu nome e fai o xesto de onde lle pica. A idea é aprender os nomes das participantes con un pouco de distensión, deshinibirse un pouco para ir abríndonos a nós e as demáis.

- Outro xogo de presentación pero un pouco mais profundo... Estando en círculo sae una persoa ao medio, di o seu nome, algo de sí mesma e un desexo que ten para o encontro, as palabras que lle xurdan. Cando remata sae a seguinte e cando se cruzan, danse unha aperta (non é obrigatorio si a alguén non lle xurde) e agradece a esa persoa por estar entre nós. Esta é una dinámica de coñecemento, afirmación e confianza. A xente móstrase sendo afirmada e recoñecida, o que axuda a xerar un bo clima de apertura sen xuízos.

- Introdución ao obradoiro: acá nos presentamos as dinamizadoras e explicamos a dinámica

Xogo “Cadeiras cooperativas”. Como seu nome indica é un xogo de cooperación, o clásico das cadeiras musicais pero en vez de ir eliminando as persoas, vanse sacando cadeiras e hai que irse acoplando cada vez en menos espazo.

- Xogo de “Mamá galiña e os poliños”.confianza Un xogo que é clásico pra nenos de todas as idades. Una fai de mamá galiña, e as demais de poliños que van cos ollos pechados dicindo pio, pio ata que atopan á galiña silenciosa que é a mamá, e aí vanse quedando ata que todos a atopan.

- Xogo do “Paseo polo bosque das arañeiras”. Neste fanse dos filas, coas persoas enfronte. Estas fan de árbores. Collen cordas e vanas pasando facendo unha “arañeira”. A unha persoa tapámoslle os ollos, outra dalle a mao e non pode falar con ela e outra mais vai por fora do bosque falando coa cega. A idea é atravesar o bosque sen tocar as arañeiras. Neste xogo saen varias cousas e reflexións, dunha banda a comunicación non verbal e a verbal, coa atención divida, a confianza nas outras,e pola outra as persoas que fan de guía precisan poñerse no lugar da cega,(empatía) e cooperar con ela para que poida atravesar os obstáculos e acadar o obxetivo (gañar todas)

 

Captura de pantalla de 2015 07 19 140342

                                                                    EMPATIA

 

 

Agora pásase a falar un pouco todas, a partir dunha choiva de ideas para analizar xuntas o conflito. Para isto, poñemos uns cartaces en branco e repártense uns rotuladores. Estamos uns minutos coa palabra conflito nas nosas mentes e vanse poñendo as palabras que nos veñen. Ao principio da dinámica as palabras que saían eran mais ben “negativas” (guerra, violencia, ira, frustración, bucle,...) pois en xeral temos asociado o conflito como algo non desexable; mais cando dimos uns pasos atrás, e vimos dende outra mira foron saíndo outros matices que tamén están dentro de nós... cambio, maduración, crecemento, oportunidade,...

Unha definición grosso modo: un conflito xurde cando dúas ou máis persoas perciben unha incompatibilidade de intereses, valores, poder, recursos ¿escasos?,... Ter intereses diferentes non ten por qué constituír un conflito necesariamente, pra consideralo conflito tense que percibir que eses intereses chocan entre si, o interés de un convértese en barreira para o outro.

Falamos de que o conflito é inevitable, non e bo nin malo en si mesmo, senón que depende das consecuencias que xere. É un xeito de comunicación i é humano, pois somos diversos. Tamén moitas veces son necesarios, pois son unha oportunidade de crecemento, maduración e cambio nas persoas e grupos; se non estaríamos nunha secta ou seríamos máquinas¡ Polo tanto, dende este punto de vista, o obxetivo non e nin eliminalos, nin evitalos por sistema, nin crear ocasións para que se dean, non temos máis que aprender a encauzalos, e que non se convirtan en espirais de conflito.

Para a análise do concepto de conflito tamén e necesario ter en conta outros conceptos:

Paz: non debe entenderse como a ausencia de conflitos, senón como a practica da xustiza.

Violencia directa: É a mais doada de recoñecer, son as agresións físicas ás persoas.

Violencia estrutural: Moito menos recoñecible, é a que emana das estruturas do sistema socio-político-económico no que se desenvolven as nosas vidas. Pobreza, fame, racismo, machismo, exclusión social, son algúns exemplos. Neste senso tamén se debería reflexionar sobre temas como homopatriarcado, militarismo, medio ambiente,xustiza…

Nonviolencia: Algúns sectores políticos e sociais optan por asociar este concepto unicamente á ausencia de violencia directa que favorece interpretacións como pasividade ou inacción.

Por nonviolencia entendemos o proceso de participación activa sen a utilización de violencia, no proceso do conflito de cara a acadar condicións para a resolución do mesmo. Algúns exemplos de acción directa nonviolenta son: a desobediencia civil, o boicot, a non colaboración, as folgas, as manifestacións, a okupación, os encerros, os escraches…

Os niveis do conflito, a grandes rasgos: persoais (entre persoas), grupais (familia, comunidades, barrios,..), rexionais, nacionais, internacionais... (danse en todas partes dunha sociedade, entre gobernos, países, comunidades...)

Entre os modelos de resolución de conflitos o formas de afrontalos máis comúns son:

- Negación, onde non se recoñece a existencia do conflito.

-Evitación: o conflito cesa no momento que unha das partes abandona.

-Xudicial: no que unha terceira persoa decide a solución e as partes aceptan

Nestes casos case nunca se soluciona definitivamente; o conflito sairá antes ou despois e é mais probábel que se xere una espiral.

- Negociación, onde as partes chegan a un acordo pero cedendo en algún aspecto;

- Mediación, onde una terceira persoa, aceptada por ambas partes, facilita a transmisión de opinións, análise ou propostas entre elas sen facer achegas, hasta que poidan chegar a unha negociación,

-Conciliación parecese á mediación pero a conciliadora esta interesada na resolución do conflito e participa activamente nos procesos de análise e elaboración de propostas coas partes.

No adestramento na resolución dos conflitos de forma creativa e nonviolenta podemos educarnos e dotarnos de recursos para:

- a análise e o coñecemento de todo relacionado co conflito,antecedentes, orixe, proceso, visión que teñen as partes, efectos que está a ter, etc…

- identificar e desenvolver actitudes que nos axuden no proceso de resolución:

Aberta:con capacidad de incorporar cambios na propia postura

Afirmación: valoración dunha mesma e das demais

Empatía: poñerse no lugar da outra

Cooperación:gañar todas

- adquisición e aprendizaxe de habilidades e destrezas:

Comunicación e escoita

Reflexión e análise

Participación e achega de propostas

Dito isto imos visibilizar o conflito, por suposto xogando

- Xogo de rol. “Unha asemblea de montes”. Este é o clásico esquema de xogo de rol, onde hai unha situación e uns personaxes cada un co seu rol que dramatizan a mesma. É una representación da realidade, mais fora do seu espazo tempo, é teatralizada e con roles exaxerados pra facernos reflexionar e ver formas de resolución dende outras posturas.

A situación, mais o menos: Imaxinade que estades na asemblea ordinaria da comunidade de monte en man común desta aldea. Hoxe na orde do día, hai un punto importante a tratar, sobre o que hai que tomar algunha decisión, pois a xunta esixe facer algo ao respecto ou se non o monte caerá nas súas mans.

Os puntos da orde do día son:

1- Aprobación da acta anterior.

2- Informe e aprobación da xestión da xunta rectora.

3- Altas e baixas.

4- O punto en cuestión: cortouse unha parcela de piñeiros e houbo uns ingresos importantes para a comunidade. Hai que decidir sobre que facer con esa parcela e o diñeiro, pois se non a xunta vai meter man.

Sobre este punto hai varias opcións ou ofertas:

- dun lado a empresa ENCE (Empresa de celulosa) oferta plantar a parcela con eucaliptos, facer os traballos silvícolas precisos e a tala, pagando a madeira ao prezo que estea no mercado no momento.

- por outra banda, a xunta da subvencións para a plantación de castiñeiros para o aproveitamento da castaña e a repoboación dos montes. Coa subvención e algo dos ingresos das cortas poderíase realizar sen gastos para a xente a nivel particular e aínda sobra algún carto.

- outra opción é repartir o diñeiro entre as veciñas e polo momento deixar estar a parcela, esperando que os piñeiros broten de forma espontánea.

Os roles:

- O Presidente da Mancomunidade: Eres o presidente do monte da aldea hai varios anos. Eres unha persoa profundamente democrática, e o teu interés é que as veciñas estean unidas e todas estén a unha. Dáche igual a solución que se tome, queres que todo o mundo esté de acordo e prefires que se tome a decisión por consenso. A túa tendencia é non discutir e procuras que a xente exprese a súa opinión, facendo preguntas.

- Secretario/á: Estás xa un pouco queimado do teu cargo e as reunións se che fan pesadas. Prefires que se vote pra decidir as cousas e evitar os debates longos, que se ventile rápido o asunto. Total “nunca chove a gusto de todos” e será o que a maioría diga. A tí tanto che da o que se faga no monte porque tes a vida resolta.

- Gandeiro/-a 1: O teu son as vacas, botas o día traballando. Ademais este ano baixaron os ingresos e andas un pouco pillado cos cartos. Tes prisa por rematar o asunto, que aínda tes que ir muxir as vacas. Total sempre se discute e non se chega a nada. Por tí algo de cartos non che ían vir nada mal. Nas asambleas vaiche o de falar doutras cousas da aldea para poñerte ao día, a fin de contas cada un mira polo seu...

- Gandeiro/-a 2: Tí andas algo pillado cos cartos co tema de que baixaron os ingresos este ano. Estás preocupado porque tes a familia e queres que os teus fillos teñan un futuro na aldea. Por tí os castiñeiros parécenche unha boa opción. Ademais a castaña é motivo de que as veciñas se xunten e de recuperar outros xeitos de economía. Tes unha actitude de diálogo e buscas aliados para convencer ao resto.

- “Ecoloxista” 1: Non fai moito que chegaches ao pobo, e non coñeces moito a xente. Por encima de todo non queres que se planten eses eucaliptos invasores que con todo arrasan. Así que tes un montón de argumentos en contra deles e tes necesidade de expresalos pois iso non pode ser. Tamén eres un pouco arrogante

Primeiro repártense os roles entre as que queiran facer de actoras, as demais farán de observadoras da situación. Deixamos uns minutos pra que cada unha poida integrar o rol que lle toca e pásase ao xogo. O tempo é variable, mais ou menos déixase que aquilo tome forma ata que se ve o punto onde cortar. Despóis pásase a evaluar o que ocorreu: que roles se viron, que actitudes...

- Xogo do “Lavacoches”. Confianza e afirmación Dúas filas enfrontadas forman un pasillo, polo que van pasando todas as persoas. Cando unha chega ao final pasa a formar parte do pasillo e sae outra do principio, e así ata que todas pasan. Según vai pasando cada unha, as outras van facendo chegar o seu afecto, os bos sentimentos a través das mans, acariñando, contactando fisicamente facendo sentir o agarimo.

- Xogo “Darlle a volta ao círculo”. Neste faise un círculo mirando cara fora, e todas collidas das mans. Hai que dar todas a volta sen soltar as mans, mellor sen falar. Cooperación, comunicación

Entre bicos e apertas damos por finalizado o obradoiro.

SARA E SALVA