Agora que o tempo axuda a estar máis dentro que fóra, preto do lumiño anima a cousa a coller un libro. Gustaríame facervos unhas suxestións sobre o tema que nos ocupa. En especial, sobre contos rurais da literatura galega. Non vou facer aquí unha descrición detallada do contido, nin da calidade literaria, tendes toda esa información na rede, ollade as ligazóns.
 
 
O primeiro é "Contiños da terra" de Manuel García Barros,  relatos costumistas de carácter cómico que teñen como fin dar a ver diversas situacións cotiás que sucedían na aldea, na parroquia, na taberna... Co fin último de afeizoar a xente a ler. Moi sinxelos, eran escritos para o pobo, naquel intre o sector primario representaba o 65% da poboacion. 
 
De segundo temos "Abellas de ouro" de Xose Lesta Meis, un libro que homenaxea a muller rural daquel tempo. Visibiliza a muller como colectivo e describe as condicións de vida nas aldeas, a relación que teñen coa cidade, as tarefas que realizan e como sacan adiante a familia ou as situacións que lle acontecian no diario.
 
E como derradeiro escollín "O tío Miseria e outros contos" de Enrique Labarta Pose, e retranca en estado puro. Do tres e o que máis me gustou. Contos ben estruturados, fan fincapé na dura situación do momento, pero en ton humoristico e satirico. O autor denuncia a miseria do mundo labrego e fai unha dura crítica sobre as clases dirixentes. Non ten perda.
 
Os tres, están escritos entre finais do XIX e primeiros do XX, cando o rural estaba cheo de xente, emigración a Sudamérica e historias que se transmitían de xeito oral. Imaxinádesvos como sería aquelo? Que pasedes unha boa lectura e unhas felices festas!